Un novo xogo de Brazolinda que neste caso nos adentra ademais no mundo da tradición oral galega. O xogo de cartas consta de varios personaxes extraídos desa tradición, como o propio gatipedro, as mouras ou as sereas, e cada unha desas personaxes relaciónase á súa vez con diferentes ámbitos, accións ou obxectos como poden ser o mar, a noite, o canto…
O obxectivo do xogo é desfacerse de todas as cartas deixándoas na morea cada vez que a última da morea conteña algún elemento que a relacione con algunha das nosas cartas. Para iso cómpre andarmos atentas e espelidas, ademais, claro, de coñecer estes personaxes e as súas milenarias historias.
Recomendado a partir de 6 anos.